
Foto: Artesanía de Galicia
A miña traxectoria nace dunha sensibilidade esculpida no tempo, dunha pronta necesidade de capturar o emocional e o espiritual do mundo.
Formeime como artista a cabalo entre A Coruña, Barcelona, Sevilla, Londres, Porto. Esta itinerancia vital permitiume construír unha visión do mundo algo aberta, mentres fun xuntando as aptitudes que despois me conformarían como autor. Tal distancia coa miña orixe foi necesaria tamén para tomar verdadeira conciencia do propio.
Polos nosos montes aprendín despois a compoñer imaxes e conceptos; entre a nosa xente, a ler e escoitar con honestidade; percorrendo cidades, vilas e aldeas, aprendendo as nosas artes, entendín a dimensión do valor de termos unha historia común; sentindo a terra, descubrín que hai deuses agochados por entre as rochas, nos camiños, nas ondas que baten, na nosa memoria oral. Hoxe, o meu traballo é o punto de confluencia entre esa vivencia, técnica e visións. Non produzo imaxes ou palabras, trato de narrar algo que integre forma e fondo, percepción e sentir.
Entendo a colaboración como un acto de lealdade. Gústame traballar con quen sinte paixón polo seu, porque esa ilusión xera en min certeza e rigor. Baixo esas circunstancias, constrúo contidos que non só documentan, senón que teñen poder simbólico; un pedaciño do universal que habita en todo.
Óscar Górriz.