































































A miña investigación en O Porto, Campanhã, nace dunha conexión íntima coa cidade de Porto. Para min, é máis que unha cidade: é o lugar onde Galicia e Portugal se atopan. Se Galicia tivese unha capital simbólica fóra das súas fronteiras, esa sería O Porto. Esta cidade-ponte sobre o Douro simboliza para min a transición socio-cultural entre o norte galego e Portugal.
Durante as miñas andanzas como activista cultural, nos anos previos a 2018, comecei a explorar fotográficamente esta mestura de pasado e futuro, de tradición e transformación. Foi así como nese ano, desde o entorno dos movementos sociais locais, o espazo SEDE convidoume a realizar unha residencia de investigación documental na freguesía de Campanhã, a que é a grande exterioridade de Porto, unha zona en plena mutación. Nese contexto, procurei rexistrar as diversas capas históricas e sociais que conforman a súa identidade e os visos de transformación no futuro.
Campanhã, situada no leste do Porto, é unha das freguesías (parroquias) máis antigas da cidade. Desde a idade media, foi tradicionalmente unha zona semi-rural, habitada por traballadores agrícolas e artesáns. Xa desde o S. XVII moitos galegos que viñan a traballar, atoparon no Porto e Campanhã un lugar de asentamento, grazas á proximidade cultural e lingüística. Coa chegada do ferrocarril no século XIX, transformouse nun centro industrial clave, atraendo tamén a moitos obreiros. Esta migración galega consolidou unha relación transfronteiriza que segue viva hoxe, coa Estación de Campanhã como punto de conexión clave entre Galicia e a grande urbe.
A miña estadía en Campanhã culminou nun documento con fotografías que rexistran un momento de cambio, onde o pasado aínda está presente nas rúas e nos espazos, pero onde o futuro é incerto. Este traballo é unha reflexión visual sobre as identidades de Campanhã, e sobre a súa loita por manterse ou transformarse, nun mundo onde a modernización ameaza con alterar o carácter que a define.