LABORATORIO DE CANTIGAS NOVAS EN ORTIGUEIRA

O Laboratorio de Cántigas Novas, é un proxecto creativo que xurde dos encontros e conversas que manteño desde hai uns anos coa artista e compositora Ugia Pedreira. Como a maior parte das cousas útiles, xurde tamén da necesidade. Necesidade de se encontrar e celebrar; necesidade de poñer nome e método a un xeito de facer, de compoñer, a partires do que herdamos. E tamén da oportunidade de dar -no momento de maior emerxencia que está a viver a música galega nos últimos anos- ferramentas para recuperarmos, como pobo, o que nalgún momento foise deixando nas mans dos grandes proxectos e as industrias dos espectáculos e a cultura. Hoxe sabemos que segue a haber necesidade e capacidade de ser -máis que público consumidor de estilos e modas- creadores e creadoras da nosa propia poesía, a nosa lírica a nosa musicalidade; algo máis próximo e útil que cubre unha necesidade real de expresión individual e de cohesión comunitaria.
A partires da primeira experiencia no sótano da librería O Fiandón na Coruña, produciuse unha conexión coa Escola de Gaitas de Ortigueira, que nos convidou a facer parte das actividades en 2024 do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira. A partires desa experiencia, o natural foi propoñer un proxecto meirande que desde 2025 ten una duración de varios meses e remata cunha presentación no propio Festival de Ortigueira.
Consideramos que estamos en tempo de potenciar a nosa cultura musical máis aló da preservación, e para iso debemos motivar a nosa capacidade de crear novas pezas, novas cántigas, novos estilos e melodías, integrando e resignificando o que xa herdamos do pasado, de xeito que as vindeiras xeracións teñan máis recursos e historias sobre a que construír novas cancións e formatos desde a memoria, pero tamén desde a contemporaneidade e o diálogo con outros estilos musicais, alén da propia tradición.