Vivo nun mundo en transformación, ao que lle quero marcar no mapa os meus propios lugares e momentos favoritos, irrepetibles. Supoño que é natural querer preservar o que un ama, pero sobre todo, despois de ter visto algo de mundo, son consciente de dúas cousas: a primeira é que nacín e vivo nun dos lugares máis afortunados do mundo, en paz, despois de todo, rodeado de beleza natural e tamén nun territorio «non baleiro» culturalmente. E isto é o segundo do que tomei consciencia neste sanos: A riqueza que posuimos en Galicia é inmensa para quen ten interese nas artes, a artesanía, a Cultura con maiúscula. Somos ricos, e a miña labor autoimposta non é máis que a de entender por qué.
Galicia é a miña escola. Hai uns anos decidín sair a explorar ese mundo. Precisaba poñerlle cara a algúns deses lugares e persoas. Polos seus soutos aprendín a compoñer de verdade, entre as súas xentes aprendín a escoitar de verdade, percorrendo as súas costas, coñecendo as súas artes, cantigas e mitos, comprendín o valor da xigantesca dimensión dunha Historia común, construtora de identidade, fala e conciencia de pobo. Nestas aventuras, atopei tamén que hai deuses agochados por entre as rochas, nas ribeiras, e nos montes; tamén nas embestidas do mar dentro das furnas e nas mentes das persoas.
O meu ollar é lugar de confluencia entre técnica, visión e vida. Lugar desde o que ofrecer contidos que teñan certo poder simbólico, algo de espírito e un pedaciño do universal que habita en todo.